A Unidade de Patoloxía ten por obxectivo coñecer o estado de saúde de bancos naturais e cultivos das principais especies de moluscos bivalvos comerciais en Galicia, ademais de investigar episodios de mortaldade anormal e dar cumprimento á lexislación.
Marco normativo
O marco normativo internacional, relativo ás patoloxías que afectan aos moluscos, ten como referencia á Organización Mundial de Sanidade Animal (OMSA, fundada como OIE) e ás indicacións que figuran no Código Sanitario para os Animais Acuáticos, no que figura un listado de enfermidades de declaración obrigatoria polos estados membros da OMSA (entre eles España).
A nivel europeo, dende Outubro de 2006 contabamos coa Directiva 2006/88/CE relativa aos requisitos zoosanitarios dos animais e dos produtos da acuicultura, e á prevención e ó control de determinadas enfermidades dos animais acuáticos. En Marzo de 2016, publicouse o Regulamento (UE) 2016/429, relativo ás enfermidades transmisibles dos animais, que derogou a Directiva 2006/88/CE, o 21 de Abril de 2021, que era específica para animais acuáticos. O novo Regulamento engloba tanto animais acuáticos como terrestres e supuxo unha revisión completa do marco normativo que regulaba o control das enfermidades dos animais.
A nivel estatal, para adaptar a lexislación a ese novo marco europeo, publícase en 2023 o Real Decreto 779/2023, polo que se establece a comunicación de enfermidades dos animais de declaración obrigatoria e regúlase a súa notificación.
Rede de control
Para coñecer o estado de saúde dos bancos marisqueiros e cultivos das principais zonas de produción, a Unidade de Patoloxía ten establecida unha rede de control que consta de máis de 60 puntos de mostraxe, distribuídos estratéxicamente ao longo de todo o litoral galego. Esta rede de control permite realizar un seguimento periódico, de xa máis de 25 anos, co fin de coñecer o estado dos bancos e a sÚa evolución, e así detectar posibles patoloxías emerxentes.
Ensaios
A determinación das distintas patoloxías de moluscos faise por histoloxía e o número de individuos analizados anualmente anda en torno a 600 mexillóns; 600 ameixas; 500 ostras (plana e rizada); 500 berberechos e uns 100 solénidos. Eventualmente analízanse outras especies, segundo necesidades.
En canto ao número de ensaios por patóxeno, para os que o INTECMAR está acreditado, veñen sendo anualmente de en torno a 300 de Bonamia spp; 2000 de Marteilia spp; e 1500 de Perkinsus spp. A maiores faise unha avaliación completa de todos os simbiontes, patóxenos e alteracións patolóxicas que se detectan en bivalvos. Incrementando considerablemente o número de determinacións por exemplar.