O control da presenza de hidrocarburos aromáticos policíclicos exércese mediante unha rede de mostraxe composta por 76 puntos fixos, dos que 24 están situados en bateas –unha por cada zona de produción- e nos que se fan as mostraxes con carácter semestral; 26 repartidos nas distintas áreas de produción de moluscos infaunais, sendo a frecuencia das mostraxes anual ou semestral, segundo os puntos de que se trate; e outros 26 repartidos polo litoral, utilizando mexillón de rocha como bioindicador, e nos que as mostraxes fanse semestralmente.
Ademais, efectúanse accións específicas de control de hidrocarburos en zonas concretas, que supoñen un incremento de o redor de cen procesos analíticos anuais, sobre os preestablecidos.
Os estudos sobre presenza de hidrocarburos en moluscos producidos en augas de Galicia fanse por cromatografía líquida con detección por fluorescencia, podéndose efectuar tamén análises organolépticas, de consideralos necesarios.
Os compostos sometidos a control, son aqueles para os que existen valores normativos ou valores guía da súa presenza en moluscos polo seu carácter carcinoxénico en humanos: benzo[a]pireno, dibenzo[a,h]antraceno, benzo[a]antraceno, benzo[b]fluoranteno, benzo[k]fluoranteno e indeno[1,2,3-cd]pireno.
A Unidade de Hidrocarburos fai en torno ás 260 análises anuais.