O obxectivo principal do Plan Director de Acuicultura Litoral quedou expresado no Documento de Inicio do procedemento ambiental no que se formula que o seu contido primeiro é o de establecer “a definición de directrices para a instalación de establecementos de cultivos mariños na zona terrestre, así como para a ampliación dos establecementos existentes”. Devandito documento recolle ademais que para conseguir ese obxectivo xeral, os obxectivos específicos do plan director son os seguintes:
Inclusión dos criterios e dos contidos do Plan de Ordenación do Litoral á vista das especificidades construtivas que precisan as instalacións de acuicultura.
Enumerar as condicións mínimas que deben de cumprir as zonas da costa nas que se poida desenvolver un proxecto de acuicultura intensiva en zona terrestre.
Establecer criterios obxectivos que fagan compatibles as instalacións acuícolas coas actividades tradicionais que se desenvolven no noso litoral, especialmente o marisqueo, a pesca e o turismo.
Inclusión das condicións ambientais que permitan a implantación de plantas de acuicultura sostibles mediante o desenvolvemento, entre outros aspectos, das enerxías renovables.
Programar, no seu caso, as medidas compensatorias mínimas que deben de incluír os proxectos de acuicultura que se desenvolvan no noso litoral.
Fixar criterios no que se refire á compatibilidade do desenvolvemento das plantas de acuicultura coas características ambientais, naturais e paisaxísticas e as súas figuras de protección.
Do Documento de Inicio do Plan Director despréndese que o seu obxecto específico é o de analizar as repercusións económicas e ambientais das posibles localizacións das plantas de acuicultura con criterios de sustentabilidade e en coherencia cos instrumentos de planificación territorial, DOT e POL aprobados.