A presencia de metais no medio ambiente débese fundamentalmente a actividades antropoxénicas como a minería, fundición, refinería, electrogalvanizado, e xeración de electricidade. Están presentes ademáis en emisións de automóbiles (en disminución), disposicións de augas residuais, restos de dragados, en envases e estructuras mariñas e en pinturas especiais para evitar a incrustación de organismos mariños en obxetos somerxidos. A súa distribución no medio mariño pode ser debida a deposición atmosférica, descargas directas e, maioritariamente, a aportes fluviais que discorren o través de centros urbanos e industrializados. Así, aínda que son constituíntes naturais do medio mariño e algúns son biolóxicamente esenciais, as actividades humanas introducen significativas cantidades deles ó medio mariño causando perturbacións que nalgúns casos poden conducir a unha degradación medioambiental e ecolóxica.
A presencia de metais sintetizados ou movilizados polo home, unido ó seu carácter tóxico e conservativo, fan esencial o seu control en sistemas costeiros. A concentración de metais en organismos mariños pode ser empregada para o control destes contaminantes en sistemas costeiros con varios propósitos:
Para a protección da saúde humana, xa que para os organismos cultivados como alimento a análise directa é garantía de protección. A concentración é contrastada fronte a uns valores estándar basados no concepto de máxima toma aceptable durante un período de tempo xeralmente por día ou semana. Para elo é mester coñecer ademáis a proporción dos produtos mariños na inxesta da poboación de estudio, o cal se descoñece na maioría dos casos e dificulta o establecemento de valores lexislados nestes produtos para salvagardar a saúde humana. Este aspecto está contemplado parcialmente na Orden do 2/08/1991 do Ministerio de Sanidade e Consumo.
Para a protección dos organismos mariños os cales, se ben son tolerantes a metais nun rango amplo de concentracións, non son insensibles e poden sofrir alteracións a concentracións significativamente superiores a niveis naturais medioambientais. Así, nalgunhas ocasións a exposición de organismos mariños a niveis tóxicos provocou un rango de respostas patolóxicas tales como inflamación e dexeneración de tecidos, e cambios no desenrolo e reproducción a nivel fisiológico. Debido á súa toxicidade e ó seu comportamento acumulativo poden constituir pois un perigo potencial para os devanditos organismos.
Para valorar a contaminación medioambiental no espacio e no tempo, sobor de todo en augas sometidas a ciclos mareais debido á complexidade de monitorizar axeitadamente estes contaminantes nelas. Nos programas de seguimento que teñen como obxetivo o establecemento de tendencias espacio-temporais, é de crítica importancia a optimización e deseño da mostraxe. Numerosos estudios sinalaron un número de factores que poden conducir a unha mala interpretación de cambios espacio-temporais. O deseño de programas de control debe esforzarse en minimizar esas interferencias algunhas delas ben sinaladas en programas de vixiancia de mexillón xa implantados, como son a época do ano, a idade, o tamaño dos individuos recollidos, posición na beiramar e tamaño de mostra, entre outras.
O uso de bivalvos, particularmente mexillón, como organismo bioindicador extendeuse na meirande parte dos programas de control, entre outras cousas, polas seguintes características:
Están presentes como membros dominantes en comunidades costeiras e estuáricas, o que vencellado á súa extensa distribución xeográfica minimiza problemas inherentes á comparación de datos de distintas especies.
Son organismos sedentarios e polo tanto bos integradores de contaminación nunha área determinada.
Son relativamente tolerantes nun extenso rango de condicións medioambientais.
Concentran metais nos seus tecidos a concentracións superiores ás da auga onde viven o cal facilita a súa determinación.
A medida de metais nos seus tecidos proporciona unha valoración de biodispoñibilidade biolóxica.
As súas poboacións son relativamente estables poidéndose repetir mostras e detectar cambios en largas exposicións.
Obviamente, aínda que o mexillón é usado como bioindicador de calidade da auga, as complicacións asociadas coa predicción de acumulación son tales que non é posible calcular límites de descarga a partires de concentracións de tecido específicas. Tal control debería basearse en concentracións en auga. Sen embargo no control do impacto dun efluente, especialmente en zonas de cultivo para consumo humano, a medida de concentracións en tecido xoga un importante papel. En tales situacións a autoridade competente necesitará asegurar que non hai tendencia de empeoramento en contaminación medioambiental, incluso onde non hai evidencia de efectos medioambientais perxudiciais directos.