O termo xeral de fitoplancto inclúe, independentemente do seu xeito de alimentación, aos organismos microscópicos de tamaño entre 2 e 200 micras ( 1 micra = 0.001 milímetros ) que son transportados pasivamente pola masa de auga na que viven. Os principais grupos son: diatomeas, dinoflaxelados, outros flaxelados e microciliados.
O fitoplancto vive nas augas costeiras de Galicia dun xeito natural. Constitúe a base principal do alimento para os organismos filtradores como mexillóns, berberechos, ameixas, vieiras...etc., e polo tanto, a el débese a nosa gran riqueza marisqueira,
En determinadas circunstancias, algunhas pobracións de organismos fitoplanctónicos crecen moi rápido dando lugar a fenómenos denominados en xeral Proliferacións Algais. Estas proliferacións pódense acumular a nivel superficial dando lugar a grandes manchas visibles.
O termo marea vermella refírese concretamente a un fenómeno de coloración na auga do mar visible a nivel macroscópico (simple vista). En realidade esta denominación é bastante incorrecta, posto que, nin son fenómenos asociados ás mareas nin teñen por qué ser necesariamente de cor vermella. A coloración que se ve na auga é debida ós pigmentos presentes nos organismos microscópicos. Estos pigmentos, que lle permiten captar a luz solar para realizar a fotosíntesis ( clorofilas a, b e c, carotenoides, fucoxantina, ß-caroteno, peridinina...), danlles unha coloración que varía dependendo do tipo de pigmentos e das proporcións entre eles. A presencia de coloración na auga non está asociada necesariamente coa presencia de toxinas nos moluscos. Este tipo de fenómenos coñécense en Galicia vulgarmente co nombre de purga de mar e aparece citado en algúns traballos científicos antigos como hematotalaxia.
En Galicia producíronse proliferacións microalgais productoras de coloración na auga de:
Cor vermella debidas ao dinoflaxelado Gonyaulax polygramma e ao ciliado Messodinium rubrum.
Cor vermella-anaranxado debidas ao dinoflaxelado Noctilluca scintillans.
Cor marrón-verdoso debidas aos dinoflaxelados Karenia mikimotoi e Prorocentrum minimum.
Cor marrón-vermello debidas a diatomeas como por exemplo dos géneros Chaetoceros, Rhizosolenia, etc..., e aos dinoflaxelados Gymnodinium catenatum e Glenodinium foliaceum.
Cor marrón-chocolate debidas ao flaxelado Heterosigma akashiwo.
O termo Episodio Tóxico de Origen Fitoplanctónico refírese a que, en determinadas ocasións, proliferan especies de fitoplancto que conteñen toxinas. Coma o fitoplancto constitúe a base principal da cadena trófica alimenticia, estas toxinas poden ser transferidas ao consumidor final a través dos moluscos bivalvos filtradores que as acumulan.
En todo o mundo describíronse unhas 5.000 especies de fitoplancto, das que unhas 300 produciron en algún momento unha proliferación que causou coloración visible no mar. Na costa de Galicia tan só 6 especies de fitoplancto se asociáronse coa producción de toxinas en cantidades apreciables.