Os moluscos bivalvos vivos recolectados nas zonas de produción clasificadas como C só poderán poñerse no mercado para o consumo humano despois de seren enviados a un establecemento de transformación no que se deberá efectuar un tratamento para eliminar os microorganismos patóxenos ou ben despois da súa reinstalación durante un período prolongado de tempo. Despois da depuración ou reinstalación, os moluscos bivalvos vivos das zonas de produción de clase C deberán cumprir todos os requisitos do capítulo V da sección VII do anexo III do Regulamento (CE) n.º 853/2004.
Co fin de que os produtos procedentes das zonas de produción clasificadas como C teñan unha maior saída ao mercado e para dar cumprimento ás anteditas normas e baseándose nos resultados das análises periódicas realizadas nos plans de mostraxe considérase necesario declarar zonas de reinstalación de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.